Sunday 08 de September de 2024

O alumnado de Bergondo demostrará o seu talento sobre as táboas do VI Maratón Teatral


· Terá lugar no auditorio da Senra os días 7 e 8 de xuño.

· Este ano estarán como convidados o grupo Abaixo ou Pano de Ordes e a Escola de Teatro Municipal de Oroso.

Preto de 50 nenos e nenas participantes na actividade extraescolar de teatro do ANPA As Mariñas demostrarán todo o seu talento sobre as táboas do auditorio da Senra na VI edición do Maratón Teatral que organiza a ANPA, a asociación cultural Catrogatos e o Concello de Bergondo.

Ademais, este ano haberá participantes especiais chegados doutros concellos, como son o grupo Abaixo ou Pano de Ordes e a Escola de Teatro Municipal de Oroso.

Este non parar de teatro comezará o venres, 7 de xuño, ás 20:00 horas, coa Escola de Teatro dá ANPA As Mariñas, que representarán ‘A Fábrica do Chisme).

Xa o sábado, a primeira obra será ‘Quen matou a Plex?’, do grupo de Ordes, ás 12:00 horas; mentres que á unha será a quenda dos nenos e nenas de Oroso, coa interpretación de ‘Coco’s Family’. Xa pola tarde, os nenos e nenas da Escola de Teatro bergondesa representarán ‘A porta misteriosa’ (16:30 horas), ‘A máquina de Monstros’ (17:30), ‘Ratas’ (18:30), e ‘Fanáticas’ (19:30 horas).

A concelleira de cultura do Concello de Bergondo, Patricia Vázquez, destaca esta iniciativa “que permite aos nenos coñecer o proceso completo de creación dunha obra de teatro e á vez incúlcalles o gusto por esta arte”. “Ademais, todos os veciños e veciñas de Bergondo poderemos gozar dunha gran xornada de teatro”, explicou, engadindo que a “entrada é gratuíta ata completar aforo”.